O estudo ‘Diagnose sociolaboral das redeiras de Galicia’, da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, analiza o estado do colectivo de atadoras na comunidade.
As redes de pesca son un elemento esencial dentro da cadea da economía mariña, mais as profesionais que se encargan de coselas (ou atalas, como se denomina) están lonxe de recibir o recoñecemento que merecen polo seu traballo. Un traballo encargado pola Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao quere dar visibilidade a este oficio, para o que publicou o estudo ‘Diagnose sociolaboral das redeiras de Galicia’.
Este informe cifra en 375 o total de profesionais que desenvolven tarefas de elaboración e reparación de redes en Galicia, dos que 342 son mulleres: o 91% do total. A relevancia na economía nacional do traballo destas redeiras queda representado polo dato de que tres de cada catro atadoras profesionais en España son de Galicia.
O estudo recoñece algúns dos principais problemas desta profesión, como a alta idade media das traballadoras: o 75% das redeiras en Galicia teñen máis de 50 anos. Isto conleva a dificultade de garantir a substitución xeracional, unha das dificultades ás que se enfrontan actualmente no oficio. Entre as reclamacións para paliar esta situación, o colectivo reclama a mellora das súas condicións laborais e a profesionalización da formación, xunto con outras medidas. Para coñecer máis sobre este estudo, preme aquí.